Tapa e Pota en Ons

A pota é máis que un ingrediente, é parte da nosa cultura gastronómica.

Tapa e Pota en Ons

A pota é máis que un ingrediente, é parte da nosa cultura gastronómica.

A pota é un produto pesqueiro cheo de sabor, nutrientes e posibilidades gastronómicas, pero sabemos que non sempre ocupa o lugar que merece na nosa alimentación. Con esa realidade sobre a mesa, a Organización de Produtores de Pesca Fresca do Porto de Vigo (OPPF-4) púxonos un reto: darlle visibilidade, reivindicar o seu valor e animar á xente a redescubrila.

Empezamos a pensar que facer, e o que máis claro tivemos desde o principio é que non queriamos facer unha degustación ao uso. Queriamos crear unha experiencia completa, das que se viven cos cinco sentidos. E, claro, en Maruxía iso adoita traducirse en montar un festón. Porque se queremos que un produto se coñeza e se valore, o mellor é probalo, desfrutalo e recordalo.

Así naceu Tapa e Pota, un evento gastronómico pensado para achegar a pota ao público dunha forma próxima, festiva e memorable. Creamos o concepto, o nome, a identidade e o formato desde cero para que a pota deixase de ser un ingrediente secundario para converterse en protagonista.

 

Para isto, escollemos un escenario que o tiña todo: a Illa de Ons (Pontevedra). Un entorno natural protexido, cargado de historia mariñeira e co contexto perfecto para poñer en valor o produto e todo o que o rodea. Alí ofrecemos tapas caseiras de pota, elaboradas con receitas tradicionais, de toda a vida, deixando que o produto falase por si mesmo.

A cociña correu a cargo de Casa Acuña, todo un referente na illa e emblema da gastronomía tradicional galega. Durante a xornada repartíronse centos de tapas, convertendo cada parada nunha excusa para conversar, compartir receitas e redescubrir este produto tan noso.

Pero unha festa non é nada se non temos xente. Por iso invitamos a veciñas e veciños, turistas, visitantes e familias a sumarse á experiencia. Ademais, desenvolvemos unha estratexia de comunicación antes e despois do evento, traballando con medios locais e autonómicos, redes sociais e facilitando a cobertura informativa. Tamén contamos con representación institucional do Concello de Bueu, que quixo acompañar e apoiar a posta en valor do produto local e do territorio.

E como sen música non hai celebración, cada tapa tivo a súa propia banda sonora grazas á Charanga Charandonga, que encheu a illa de ledicia, ritmo e ganas de quedar un anaco máis.

A experiencia completouse con rutas guiadas e visitas ao Museo do Visitante, conectando gastronomía, territorio e tradición. Tapa e Pota foi moito máis que un evento gastronómico: foi un espazo para aprender, compartir e mirar á pota con outros ollos.

Celebramos o evento en dúas edicións, en setembro de 2024 e xullo de 2025, mantendo o espírito e variando as receitas para seguir mostrando a versatilidade do produto. Dous momentos distintos, un mesmo obxectivo: crear o contexto perfecto para que a pota se gañe o seu sitio, xa que forma parte da nosa cultura gastronómica.

PROXECTOS relacionados

+ no álbum de Maruxa

Comparte

Comparte este contido con outras persoas.

En Maruxía somos respectuosos cos teus datos e a túa forma de navegar pola nosa web.
O álbum de Maruxa

Fomos coleccionando instantes, proxectos e emocións que nos fan sentir orgullo. Porque en cada recordo hai unha historia, e en cada historia, un anaquiño de Maruxía.