Produtos do mar das nosas costas, a túa mellor opción
Desfruta do sabor do mar esteas onde esteas
- FNCP
- Federación Nacional de Cofradías de Pescadores
A Federación Nacional de Confrarías de Pescadores (FNCP) tiña un reto: levar o sabor e a cultura do mar máis alá do litoral. Quería levar os seus produtos, as súas historias e a súa cultura mariñeira a Paradores, Mercados de Abastos e Escolas de Hostalaría de distintos puntos do país, para que calquera puidera descubrir – e desfrutar – o que se pesca e se traballa nas nosas costas. Non se trataba só de achegar produto, senón de achegar identidade, tradición e a forma de entender a vida de quen sae cada día a faenar.
E aí entramos nós.
Puxémonos mans á obra e deseñamos a imaxe corporativa da campaña que denominamos “Produtos do mar das nosas costas, a túa mellor opción” e lanzámonos á estrada para facer unha xira do mar: primeiro de Norte a Sur pola Vía da Prata e, despois, unha viaxe polo Noreste desde o Cantábrico ata o Mediterráneo seguindo unha antiga vía ferroviaria. Dúas rutas, un mesmo propósito: facer que máis persoas descubrar os produtos e o valor do traballo das nosas costas. Queríamos que cada parada fose unha pequena ventá ao mar, un anaco de litoral viaxando polo interior do país a través de sabores, historias e experiencias.
Antes de arrancar, preparamos ben toda a equipaxe e creamos todo o soporte gráfico que deu vida á campaña: dípticos, merchandising e materiais promocionais. Todo foi deseñado para transmitir proximidade, calidade e, sobre todo, a autenticidade do produto pesqueiro das nosas costas. Buscamos un estilo que respectase a orixe de cada especie, a tradición de cada porto e a esencia da mensaxe que queríamos levar a cada lugar. En resumo, material bonito, funcional e con personalidade; dese que todos queremos levar a casa porque mola.
En cada parada organizamos degustacións con especies seleccionadas pola FNCP – polbo, atún, gamba e outras xoias das nosas costas – acompañadas de elaboracións sinxelas e tradicionais. O obxectivo era claro: que un só bocado bastara para entender a calidade do produto e o valor do traballo que hai detrás de cada captura.
Visitamos Paradores, Mercados de Abastos e Escolas de Hostalaría, conectando con públicos moi distintos: profesionais do sector, estudantes, veciños/as, viaxeiros e persoas que quizais nunca probaran certas especies ou descoñecían o oficio pesqueiro. En cada lugar creamos un ambiente para compartir coñecementos, desmontar mitos e achegar a pesca a quen normalmente a observa desde fóra.
Para pechar a viaxe por todo o alto, deseñamos e coordinamos a gravación dun vídeo promocional para seguir poñendo en valor o patrimonio cultural, gastronómico e natural que une as nosas costas co interior. Un recordo visual que resume todo o vivido: as paisaxes, as persoas, os sabores, os sorrisos e a viaxe que fixemos xuntas levando o mar por toda España.
Porque descubrir o mar non sempre require velo.
Ás veces, basta con probalo.