Pescados de Primeira

Fútbol e peixe, unha combinación de primeira

Pescados de Primeira

Fútbol e peixe, unha combinación de primeira

O fútbol e o peixe teñen máis en común do que semella: constancia, esforzo, traballo en equipo e hábitos que se adestran día a día. Por todo isto, a Organización de Produtores de Pesca Fresca do Porto de Vigo (OPPF-4), a través do seu selo Fresco&Salvaje, quixo impulsar unha campaña capaz de achegar o consumo de peixe fresco e salvaxe a nenos, mozos e familias, vinculandoo a unha alimentación saudable e ao deporte.

A partir desta  idea, deseñamos Pescados de Primeira, unha campaña que une nutrición, deporte e produto local a través dunha alianza estratéxica coa Fundación Celta. O obxectivo era claro: achegarnos ás novas xeracións e falarlles cunha linguaxe próxima e recoñecible e desmostrarlles que comer Fresco&Salvaje tamén é xogar en primeira división.

Desde o inicio, entendemos que tiñamos que conectar co noso público. Tiñamos que falarlle á xente nova nos seus propios códigos e trasladar o valor do peixe fresco e salvaxe dun xeito natural, próximo e recoñecible. Así naceu esta campaña integral, con identidade propia e múltiples accións, pensada para estar presente onde o público vive, aprende e desfruta.

A imaxe gráfica foi deseñada por Luis Davila, ilustrador e viñetista de referencia, e convertiuse no fío condutor de toda a campaña. Un estilo fresco, directo e con moita personalidade que axudou a fixar a mensaxe e a dotar de coherencia visual a todas as pezas, desde o material gráfico ata os soportes dixitais e promocionais.

Pescados de Primeira arrancou cunha presentación oficial no edificio da Fundación Celta, en Vigo, coa participación de representantes da OPPF-4, Marian Mouriño, presidenta do Celta, xunto a outros representantes do clube e da Fundación. Un primeiro paso para contextualizar o proxecto, explicar os seus obxectivos e poñer en común a importancia dunha alimentación saudable ligada ao consumo de peixe certificado.

Unha das accións centrais foi a visita a un centro educativo, o Colexio Amor de Dios de Vigo, onde máis de 400 alumnos e alumnas participaron nunha charla divulgativa sobre o mar, a pesca, o deporte e a importancia de consumir peixe fresco e salvaxe. A xornada contou ca participación de Vicente Guaita, xogador do RC Celta, como invitado, compartindo a súa experiencia como deportista profesional e falando da alimentación como parte fundamental do rendemento. A actividade completouse cun xogo de preguntas, agasallos da campaña e un peche moi especial: o canto colectivo do himno do Celta, a “Oliveira dos cen anos”.

A campaña tamén se trasladou ao epicentro do fútbol: o estadio de Balaídos. Estivemos presentes nun partido que enfrontou ao Celtra contra o Xetafe, e antes do encontro e durante o descanso ofrecimos unha degustación gratuíta de produtos Fresco&Salvaje en zonas reservadas do estadio, achegando o peixe ao público nun entorno totalmente aliñado cos valores da campaña. Ao mesmo tempo, emitíronse pezas audiovisuais nas pantallas do estadio para reforzar o alcance e a notoriedade da mensaxe.

Ademais, estivemos presentes en distintos eventos deportivos do RC Celta, como un torneo das categorías inferiores en A Madroa e o Clinic de Nadal. En ambos casos, combinamos degustacións gratuítas, espazos informativos e material gráfico para seguir difundindo o selo Fresco&Salvaje entre mozos deportistas e as súas familias.

Todo isto estivo acompañado dun plan de medios deseñado para maximizar a visibilidade e o recordo da campaña. Estivemos na rúa, nas pantallas, na radio. Vallas publicitarias e mupis en puntos estratéxicos da provincia de Pontevedra, campañas dixitais en redes sociais e programática, e cuñas de radio que axudaron a amplificar a mensaxe e a meternos no día a día da xente.

Deseñamos e producimos todas as creatividades gráficas, audiovisuais e sonoras, así como o merchandising necesario para as accións: mochilas, banderillas, peanas, pegatinas, roll-ups e soportes informativos. Cada acción foi acompañada de cobertura en redes sociais e seguimento comunicativo para dar coherencia ao conxunto da campaña.

En 2025, a campaña renovouse mantendo a súa esencia e reforzando a súa mensaxe. Pescados de Primeira incorporou un novo lema: “A comernos Europa”, en referencia á clasificación do RC Celta para competir na Europa League. Unha forma de actualizar a campaña, vinculala ao momento deportivo do clube e seguir xogando ca linguaxe futbolera para falar de alimentación, mar e produto local. Ademais, a marca Fresco& Salvaje ampliou a súa presenza como patrocinadora nas CELTALKS, sumando novos espazos de visibilidade e conversa.

Con Pescados de Primeira intentamos xerar hábitos, crear referentes e estar onde está a xente. Porque coidarse, elixir ben o que comemos e apostar polo produto local tamén é unha maneira de xogar en primeira.

 

PROXECTOS relacionados

+ no álbum de Maruxa

Comparte

Comparte este contido con outras persoas.

En Maruxía somos respectuosos cos teus datos e a túa forma de navegar pola nosa web.
O álbum de Maruxa

Fomos coleccionando instantes, proxectos e emocións que nos fan sentir orgullo. Porque en cada recordo hai unha historia, e en cada historia, un anaquiño de Maruxía.